Nós Pobra teme que o PP faga alcalde a Ramiro Ouviña

POBRA> As cousas no concello da Pobra tampouco están demasiado claras. O anuncio do BNG de presentar ó seu candidato Ramiro Ouviña ó pleno de investidura do próximo día 15, abre unha nova posibilidade de formar goberno. Sería que o Partido Popular votase polo BNG, o que lle daría a alcaldía ós nacionalistas. Unha opción que dende Nós Pobra, tampouco descartan.

Nós Pobra fixo valoración hoxe do estado das negociacións co resto de forzas de cara a formar goberno. Con cinco edís, un máis que en 2015, a formación igualou ó PP no número de concelleiros, superándoos en número de votos. Aínda así non contan coa maioría suficiente para asegurar a investidura do seu candidato coma alcalde, e visto o visto, despois dos primeiros contactos tanto co Partido Socialista coma co BNG os apoios parecen improbables. Máxime cando estes últimos mostraron a súa intención de presentar candidatura a ese pleno de investidura e votar polo seu candidato. Pero esta opción abre tamén unha nova alternativa. Complicada, pero posible…

Sabendo que o voto do PSOE é insuficiente, Nós Pobra agarda impaciente á asemblea do BNG desta fin de semana que deberá posicionarse sobre o ofrecemento de establecer un pacto de goberno entre as dúas forzas. De non producirse un voto favorable, as opcións de revalidar a alcaldía quedarían no aire.