A superficie afectada polas lapas en Jealsa podería rondar os once mil metros cadrados

BOIRO> E se non fora, precisamente, pola presenza esta mañá dos equipos de bombeiros, ninguén podería sospeitar da magnitude da catástrofe vivida esta pasada fin de semana, que a piques estivo de levarse por diante a unha das principais factorías da conserveira galega.

Eran aproximadamente as dúas e media da tarde. Unha mesta e negra fumareda, visible dende toda a ría de Arousa, facía saltar tódalas alarmas. Ardían as instalacións de Jealsa-Rianxeira, no Bodión. Chegaban os primeiros equipos de emerxencia. O lume orixinábase na zona de conxelados. Xa no lugar, todos eran conscientes da magnitude do incendio.

As lapas camiñaban vorazmente e sen control polas instalacións. Na súa extinción traballaban xa numerosos medios. Bombeiros dos parques de Boiro e Ribeira, pero tamén chegados dende Santiago, Ribadumia ou Sanxenxo. GAEM de Ribeira, GES de Noia e bombeiros forestais, así como Protección Civil, Policía Local, Garda Civil e voluntarios da Cruz Vermella.

A Axencia Galega de Emerxencias, AXEGA, faise co control da situación e encárgase da coordinación do operativo. A Xunta activa o Plan Territorial de Emerxencias no nivel 1, desprazando tamén ata a zona a varios helicópteros e a unha lancha do Servizo de Gardacostas. Por precaución, desaloxan unhas vinte e cinco vivendas da zona.

Despois de case sete horas de arduo traballo os equipos de emerxencias conseguen controlar o incendio.

Afortunadamente non houbo que lamentar danos persoais, aínda que os danos materias foron cuantiosos. As imaxes aéreas dan a ver a magnitude da catástrofe. Á espera dunha análise e avaliación por parte da propia empresa, o 112 Galicia fala duns once mil metros cadrados de superficie afectados.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí