As obras da sanxenxina rúa do Progreso, paralizadas ata despois do verán

SANXENXO> En Sanxenxo, as obras da rúa Progreso vanse paralizar a finais deste mes e retomaranse en setembro. Con esta medida, o concello quere evita-lo caos circulatorio no centro da vila, en tempada alta. Deste xeito, a vía recuperará o dobre sentido de circulación durante o período estival.

As obras da rúa Progreso, en Sanxenxo, terían que rematar a mediados de xullo, pero non vai ser así. Dende o Concello recoñecen complicacións na parte soterrada do proxecto, o que demorou os traballo. A iso hai que sumar a inminente chegada do verán, o que  levou ó goberno local a tomar unha decisión: a obra vai quedar paralizada a finais deste mes e retomarase en setembro.

A petición xa recibiu o visto bo da Xunta, titular da vía. Coa suspensión dos traballos nos meses estivais, a vía vai recuperar o seu dobre sentido de circulación. Na actualidade as obras de urbanización da Rúa Progreso roldan o 65% da súa execución. Na actualidade xa se está a traballar no treito intermedio e restan as glorietas, que se executarán tras o verán. A Conselleira de Infraestruturas, que hoxe supervisou os traballos, lembra que a actuación ten como eixo central a mellora da seguridade viaria.

Aproveitando a súa visita a Sanxenxo, Ethel Vázquez tamén visitou os traballos que se están a levar a cabo no acceso á praia da Carabuxeira.