BOIRO> O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visitou o CEIP Praia Xardín de Boiro unha vez adxudicadas as obras de rehabilitación integral das instalacións por 1,1 millóns de euros. A actuación presentada esta mañá permitirá a mellora do illamento térmico da fachada para unha maior eficiencia enerxética do inmoble incluíndo tamén a renovación da cuberta e da carpintería exterior.
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visitaba as instalación do colexio Praia Xardín, unha vez anunciada pola Xunta a adxudicación, por un importe de máis de 1,1 millón de euros, das obras de rehabilitación integral do centro. Acompañado de representantes da propia dirección do colexio e tamén da corporación local, o titular de Educación explicou algunha das peculiaridades do proxecto técnico que busca mellorar o confort térmico e a eficiencia enerxética do edificio.
Dende o Concello destacaron a importancia desta obra, pola que a comunidade educativa levaba tempo agardando, ó tratarse dun edificio con máis de 50 anos de antigüidade.
O prazo de execución da obras, cuxo inicio se prevé para principios de xuño, unha vez rematadas as clases, será de aproximadamente nove meses.
Esta intervención enmárcase nas primeiras 16 obras programadas pola Consellería en centros de ensino de toda Galicia para este ano, cun investimento total de máis de 16 millóns de euros, nas que se inclúe tamén o peche lateral da pista deportiva do IES Porto do Son, cun investimento previsto duns 267 mil euros.











