A parroquia de Cerponzóns cumpre 1.000 anos

PONTEVEDRA> Cerponzóns está de aniversario porque cúmprense 1.000 anos dende a primeira vez que se rexistrou a parroquia nun documento oficial. Para celebralo, a asociación de veciños O Chedeiro puxo en marcha dúas iniciativas. Un documental, rodado por Pablo Cacheda, e un libro escrito por Rodrigo Cota e o seu fillo. Dous proxectos que estarán dispoñibles nos vindeiros días.

Non todos os días cúmprense 1.000 anos. E se non que llo digan aos veciños de Cerponzóns que, para conmemorar o aniversario da súa parroquia levaron a cabo dous proxectos. O primeiro “Cerponzóns a mil”. Un documental de 41 minutos que recolle diferentes conversas entre os veciños.

A asociación de veciños O Chedeiro tamén puxo en marcha o libro “1.000 anos de historia en Cerponzóns”. Unha obra escrita por Rodrigo Cota e polo seu fillo e coa que se pretende recordar todas as historias que se esconden na parroquia.

O primeiro documento oficial no que se rexistrou a parroquia de Cerponzóns data do 30 de marzo de 1019, pero a súa historia é moito máis longa. Para recordala, a asociación de veciños presentará este xoves ás 21 horas no Teatro Principal o documental de Pablo Cacheda. O libro será presentado o venres 28, tamén ás 21 horas, no centro social de Cerponzóns. A entrada ás dúas citas é gratuíta.