“Contos para entender o noso planeta” nace para achegar aos máis pequenos o funcionamento da natureza

PONTEVEDRA> “Contos para entender o noso planeta”. Ese é o nome dunha nova colección de contos infantís. En concreto, tres libros que tratan de explicar aos máis pequenos o funcionamento da natureza. María Mosquera e Paula Cheshire son as creadoras deste novo proxecto.

Hai unha idade na que os máis pequenos comezan a cuestionarse todo o que acontece ao seu arredor e as veces é complicado solucionar todas as súas dúbidas. Neste contexto naceu “Contos para entender o noso planeta”. Unha colección de tres libros cos que se pretende resolver todos os porqués dos rapaces sobre o funcionamento da natureza.

“Contos para entender o noso planeta” xorde da necesidade que tiña María, como nai, de afastarse dos libros infantís convencionais. E coa axuda desta ilustradora pontevedresa, ambas as dúas conseguiron achegar aos máis pequenos o mundo da natureza dun xeito moi sinxelo.

Cos tres libros xa rematados, María e Paula buscan agora a axuda de toda a cidadanía a través de Verkami. Unha plataforma na que todo o mundo pode aportar o seu gran de area para que este proxecto sexa, canto antes, unha realidade.

En canto este proxecto consiga todo o financiamento necesario, María e Paula pretenden editar arredor de 1.000 exemplares de cada un dos contos. E aínda que xa teñen peticións para que o fagan en catalán e éuscaro, polo de agora os libros estarán dispoñibles en castelán e en galego. Iso si, este é so o comezo dunha colección de libros que dará moito que falar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí