PONTEVEDRA> A cultura friki e dos videoxogos volverá ser a protagonista en Pontevedra os días 26 e 27 de agosto. Nesta fin de semana o Recinto Feiral acollerá unha segunda edición da Lérez Up, un evento organizado pola asociación Gaming Troop no que non faltará detalle. Haberá videoxogos, cosplay, xogos de mesa e obradoiros de cómic. Este ano agardan repetir o éxito do ano pasado, cando participaron máis de 3.500 persoas.
Os amantes dos videoxogos, do cosplay, do cómic, dos xogos de mesa e da cultura friki en xeral teñen os días 26 e 27 de agosto unha cita en Pontevedra. Volve o Lérez Up.
Nesta segunda edición, a asociación organizadora, Gaming Troop, repite as actividades que colleitaron máis éxitos: os torneos de Smash Bros, de League of Legends e de Valorant. Tamén os espazos dedicados ao cosplay, como o concurso. En canto ás novidades, a programación inclúe varios obradoiros.
Este ano manteranse tamén as zonas de consolas e ordenadores para xogo libre ou o espazo indie, onde se presentarán 9 videoxogos creados por estudos independentes.
En canto aos expositores, este ano participarán 60 tanto comerciais como de artistas que aproveitarán para dar a coñecer a súa obra. Unha cifra que duplica a do ano pasado.
O ano pasado o Lérez UP congregou no Recinto Feiral a máis de 3.500 persoas.