A Xunta inviste uns 14 millóns de euros en diversas obras de sanemaneto en Rianxo

RIANXO> A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, comprobou esta mañá a marcha dos traballos de construción do colector e do tanque de tormentas que está a executar Augas de Galicia. A actuación, que virá a mellorar o sistema de tratamento das augas residuais da vila, complementarase coa ampliación da actual depuradora. As dúas obras suporán un investimento duns 14 millóns de euros.

Acompañada do alcalde, Adolfo Muíños, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisou a marcha dos traballos de mellora da rede de saneamento. A actuación, cun orzamento duns seis millóns e medio de euros, virá a mellorar o actual sistema de canalización das augas residuais, moi deficitario, coa instalación dun novo colector e un tanque de tormentas.  A obra completarase a partir de xuño coa ampliación da EDAR na que a Xunta ten previsto investir outros sete millóns e medio de euros, e que permitirá a  adecuar a capacidade de tratamento de augas residuais e solucionar a problemática actual da súa carga contaminante.

O rexedor rianxeiro destacou a importancia desta actuación que mellorará un servizo prioritario non só para Rianxo senón tamén para toda a ría de Arousa.

As dúas actuacións están recollidas no Plan de Saneamento Local da ría de Arousa no que se levan investidos máis de 56 millóns de euros en distintas obras como as desenvolvidas xa en Ribadumia, O Grove, Boiro, Cambados ou Ribeira.