Pontevedra volverá a ser un referente do tríatlon coa celebración do ProTour

PONTEVEDRA> Pontevedra volverá a ser un referente do tríatlon. A cidade acollerá o vindeiro mes de outubro o ProTour, un novo evento deportivo no que participarán os 80 mellores triatletas de España. Entre eles estarán Javier Gómez Noya, Pablo Dapena ou Saleta Castro.

O Mundial de Tríatlon foi a proba definitiva para demostrar que Pontevedra pode acoller grandes eventos deportivos. Por iso, a Federación Española de Tríatlon volveu a fixarse na nosa cidade para celebrar a primeira edición do ProTour.

O ProTour celebrarase o 12 e 13 de outubro e o obxectivo deste evento deportivo é profesionalizar e darlle cobertura a todos os triatletas españois.

A proba dividirase en dúas xornadas. A primeira, coñecida como “40×15” basearase nun circuíto de 200 metros de natación, 10 quilómetros de bicicleta e outros 2 de carreira a pé; que se repetirá dúas veces. Nas transicións os últimos 5 clasificados quedarán eliminados. Deste xeito, chegarán a última proba únicamente 15 triatletas. Na segunda xornada, disputaranse dúas eliminatorias de 20 participantes. Na final competirán os 10 primeiros clasificados de cada unha.

Grazas a este evento, Pontevedra volverá a ser un referente no mundo do tríatlon ao acoller a primeira edición do ProTour e na que participarán Javier Gómez Noya, Pablo Dapena ou Saleta Castro. Unha proba que repartirá, ademais, 37.000 euros en premios.