POBRA> O Club de Remo Puebla organiza este vindeiro domingo unha dobre xornada remeira. A primeira delas será a regata da Liga Norte de Traiñeiriñas, clasificatoria para o campionato territorial norte que se celebrará a seguinte fin de semana en Rianxo.
Estímase unha participación dunha decena de clubs da zona norte de Galicia nas categorías absoluta feminina, xuvenil masculina e absoluta masculina.
A maiores, terá lugar a Regata Liga Galega Traiñeiras Veteranas, na cal as remeiras locais competirán en dous longos contra as de Cabo da Cruz.
A xornada arrancará a partir das once da mañá na dársena do peirao comercial. As dúas probas contan coa colaboración da Federación Galega de Remo e o propio Concello, dende onde aproveitaron esta presentación para lles trasladar os parabéns ó Club polo recente título de Campión de España en categoría infantil masculina.