200 deportistas participarán esta fin de semana no IX Tríatlon Concello de Poio

POIO> A praia de Lourido acolle esta fin de semana unha das probas deportivas máis consolidada da comarca. A novena edición do Tríatlon Concello de Poio. O evento celebrarase este sábado e a organización espera que participen preto de 200 triatletas.

A novena edición do Tríatlon Concello de Poio xa está en marcha. Esta fin de semana, o evento referente da comarca volve a praia de Lourido para facer vibrar, un ano máis, aos veciños da zona.

O evento desenvolverase este sábado pola tarde. Ás 16:00 horas será a saída popular, ás 16:45 horas a proba masculina, ás 18 a feminina e a masculina con corte ás 18:15 horas. Durante toda a carreira pecharase o tráfico nas inmediacións de Lourido.

O circuíto da carreira popular será de 300 metros de natación, 8 km de bicicleta e 2,5 km de carreira a pé. A versión sprint será de 750 metros de natación, 20 km de bicicleta e 5 km a pé. Para evitar incidentes, a organización pide a máxima colaboración dos veciños.

Hoxe pecha o prazo de inscrición así que os que queiran participar teñen ata ás 00:00 para anotarse. Hai que recordar que esta proba é clasificatoria para o Campionato Galego.