PP e BNG tumban a proposta de dedicacións do executivo de Nós Pobra

POBRA> O Partido Popular e o BNG tumban co seu voto en contra a proposta de Nós Pobra de retribucións de concelleiros e persoal de confianza. O vindeiro luns está convocada unha nova xunta de portavoces á que teñen previsto levar unha nova proposta.

Con sorpresa. Así caeu no executivo pobrense, formado en minoría polos cinco concelleiros de Nós Pobra e a edil do Partido Socialista, a decisión do Partido Popular e do Bloque Nacionalista Galego de votar en contra da proposta das dúas dedicacións exclusivas e da de persoal de confianza levadas ó pleno de organización celebrado onte pola noite. O malestar no seo do executivo é manifesto, xa que a negativa impide, segundo eles a gobernabilidade do Concello.

Por esta razón fan un chamamento ó diálogo, e tanto PP coma BNG desbloqueen esta situación.

O próximo luns está convocada unha xunta de portavoces á que  volverán a levar unha nova proposta.

Esta situación trae coma consecuencia ademais a primeira das vítimas. O edil José Carlos Vidal, para o que o executivo tiña prevista unha das dúas dedicacións exclusivas xa tivo que entregar a súa acta de concelleiro, debido ó réxime de incompatibilidade co seu posto de funcionario. O seu lugar será ocupado pola seguinte na lista Estefanía Ramos.

Si se aprobaron no pleno de onte outras cuestións coma a peridodicidade dos plenos, que agora pasará a ser bimensual, a composicións das comisións informativas e as retribucións por asistencia a plenos, a xuntas de goberno e a partidos políticos.