RIBEIRA> O Concello continúa a dar os pasos oportunos para a recuperación da cesión de uso do edificio que dá acubillo á Unidade de Asistencia a Drogodependencias para fins municipais. O punto foi abordado no último pleno e saíu adiante por unanimidade.
A solicitude da aceptación de cesión do edificio será por un período indefinido, aínda que o Concello non descarta nun futuro pedir a súa reversión.
Precisamente o executivo ribeirense está pendente de executar diversas obras de mellora neste edificio por un importe superior ós 420 mil euros, que buscan entre outros aspectos o acondicionamento da envolvente exterior do inmoble. A mellora virá a satisfacer as demandas dos traballadores e usuarios da UAD, xa que o edificio con máis de corenta anos de antigüidade presenta importantes deficiencias, principalmente no referente á súa envolvente térmica.