Os campamentos de verán máis inclusivos

PONTEVEDRA> O verán é a época dos campamentos. Tamén para as persoas con discapacidade intelectual. O Special Olympics de Galicia puxo xa en marcha o seu programa de vacacións no que este ano participarán máis de 300 galegos e que ten como obxectivo fomentar diversas actividades que permitan a inclusión.

Por terceiro ano consecutivo, Special Olympics Galicia pon en marcha o seu programa de vacacións de verán, que está destinado a persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento. Nesta edición, 325 persoas poderán desfrutar destes campamentos nos que se ofertarán diferentes actividades inclusivas.

As quendas de vacacións terán unha duración de 9 días cada unha e dividiranse entre Pontevedra, Arcade e Vilanova de Arousa. Máis de 120 monitores acompañarán aos usuarios nas diferentes estancias que axudarán a potenciar a participación das persoas con discapacidade intelectual na sociedade.

Aínda que queda moito traballo por facer para que todos teñan as mesmas oportunidades, con este tipo de actividades dáse un paso máis para mellorar a calidade de vida tanto das persoas con discapacidade intelectual, como das súas familias.