A Xunta construirá a residencia da terceira idade nos terreos da Parda

PONTEVEDRA> A nova residencia da terceira idade construirase na Parda. O Concello entregou esta mañá á Xunta de Galicia unha parcela de 3.600 metros cadrados para a súa construción. O lugar elixido é o actual aparcamento disuasorio situado en fronte do Conservatorio Profesional de Música. O orzamento superará os 10 millóns de euros.

Tras moitas negociacións, este é o lugar elixido para a construción da nova residencia de maiores. O Concello entregou esta parcela da Parda, de 3.600 metros cadrados, a Xunta de Galicia. Unha parcela que xa fora ofertada á administración autonómica para a construción do Carlos Oroza pero que finalmente se descartou.

Malia que había moitas opcións enriba da mesa, finalmente esta foi a elixida por ambas administracións. Un acordo que eliminará, por tanto, o actual aparcamento disuasorio da zona.

A conselleira de Política Social anunciou que a Xunta de Galicia xa comezou a redactar o anteproxecto. O que está claro, de momento, é que a residencia da terceira idade contará con 120 prazas dispoñibles e terá un orzamento superior aos 10 millóns de euros.