PONTEVEDRA> Preocupación en Pontevedra polo futuro da piscina olímpica do complexo deportivo Rías do Sur. A semana pasada a empresa concesionaria anunciaba a súa decisión de pechar as instalacións polos custos enerxéticos, deixando na estacada a clubes e deportistas da cidade que adestran nesta piscina. Dende o concello traballan na procura dunha solución que non sexa tan só un parche e que permita recuperar o servizo.
A decisión da empresa concesionaria das instalacións do Complexo Deportivo Rías do Sur de pechar a piscina olímpica preocupa, e moito, no concello de Pontevedra.
O concelleiro de Deportes explica que están a manter contactos coa Fundación Rías do Sur, propietaria das instalacións, na procura dunha solución que garanta que os clubes e deportistas de Pontevedra van ter un espazo no que adestrar.
A decisión de Supera afecta a outros dos centros que xestiona a nivel estatal e atribúena aos custos enerxéticos. Pero a medida colleu por sorpresa ao goberno local.
Mentres buscan unha solución á situación, o goberno local traballa para atopar solucións temporais para que os clubes e deportistas afectados poidan seguir cos seus adestramentos.
Fernández explicou que dende o concello levaban tempo falando coa Fundación Rías do Sur para artellar un mecanismo de colaboración. Entre as posibilidades que estaban sobre a mesa, estaba que as arcas municipais asumiran a renovación das luminarias para cambialas por luces de baixo consumo. Unha actuación que suporía un investimento de máis de 50.000 euros.