Malestar en Rianxo polo peche do paseo da Ribeira por mor das obras

RIANXO> O peche ó tráfico hai unhas semanas do paseo da Ribeira en Rianxo por mor das obras da futura EDAR, está a suscitar un fondo malestar entre o empresariado e os comerciantes da vila, que din sentirse afectados. É máis, veñen de poñer en marcha unha campaña de recollida de sinaturas reclamando cambios na circulación nesa zona.

A execución das obras obriga a que tódolos vehículos que se dirixan á zona portuaria e as rúas anexas se desvíen por Tanxil, o que está a provocar unha perda importante de clientes nos seus negocios.

Entre outras cuestións reclaman que se busquen outras alternativas menos lesivas e se conte co seu parecer antes de tomar unha decisión deste calibre.

Dende o Concello lamentan as molestias que as obras poidan estar a ocasionar, pero aluden a que son necesarias e temporais, polo que agardan poder restablecer canto antes de novo a normalidade do tráfico nesa zona.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí