O futuro Edificio de Emerxencias de Pontevedra estará localizado en San Amaro

PONTEVEDRA> O Edificio de Emerxencias que o concello de Pontevedra planea construír estará localizado en San Amaro. O goberno local mercará a antiga parcela de  Fenosa, na rúa Camposanto, un terreo de case 18.000 metros cadrados. Tanto PP como PSOE xa trasladaron ao executivo o seu apoio a esta operación, que terá un custo de 1,2 millóns de euros para as arcas municipais.

O concello de Pontevedra xa ten localización escollida para o seu futuro Edificio de Emerxencias. Trátase da coñecida como finca de Fenosa, situada no barrio da Parda, entre o cemiterio de San Amaro e o depósito do guindastre.

Os terreos están catalogados como industriais e son propiedade da empresa que xestiona os equipamentos de Unión Fenosa. Aínda que inicialmente estaban en venda cun prezo de 2,5 millóns de euros, actualmente aceptarían pechar a compra por 1,2 millóns.

Antes de facer pública esta posibilidade, o goberno local trasladouna aos voceiros dos partidos da corporación. Dende a oposición, Partido Popular e Partido Socialista deron o visto bo á proposta.

A compra da parcela está decidida pero non os seguintes pasos a dar. Por exemplo, non está claro se se construirá un edificio novo ou se adaptarán as construcións existentes. Tampouco cales son os servizos que se trasladarán a estes terreos.

A intención do goberno local é falar tamén co Goberno Central e coa Dirección Xeral de Policía para tratar o posible encaixe da nova comisaría da Policía Nacional neste proxecto.