Condes de Albarei repite a carreira popular que naceu co seu 30 aniversario

CAMBADOS> Condes de Albarei ultima os preparativos da segunda edición da súa carreira popular. O que naceu como un evento para conmemorar o 30 aniversario da adega, volve este ano trala gran acollida da súa estrea. Xa están abertas as inscricións.

As 188 persoas que o ano pasado participaron na primeira Carreira Popular Condes de Albarei-Pazo Baión animaron á adega a convocar unha segunda edición.

A cita será o vindeiro domingo día 14. Os inscritos terán que completar un percorrido de 13 quilómetros e medio, que o ano pasado o corredor máis rápido rematou en 54 minutos. O circuíto foxe das estradas, e leva aos participantes polas paisaxes do entorno do Umia.

O percorrido arrincará dende a Adega Condes de Albarei, en Cambados. Tamén pasa polo concello de Ribadumia, para finalizar nas instalacións de Pazo Baión, en Vilanova.

As inscricións están abertas ata o xoves. Haberá cinco categorías a partires dos nados no 2001, e poden formalizarse na web www.championchipnorte.com.

Comments are closed.