OUTES> O veleiro ‘Diosa Maat’ de Ecoloxistas en Acción achegouse esta mañá ó porto do Freixo, no concello de Outes, para denunciar a contaminación mineira e a falla de saneamento na Ría de Muros-Noia. Aproveitouse para proceder ó izado da bandeira negra da mina de San Finx outorgada o pasado ano por este colectivo a esta explotación.
As bandeiras negras que outorga Ecoloxistas en Acción a aquelas zonas máis degradadas dos espazos litorais do pais, comtraponse ás bandeiras azuis, que premian precisamente o contrario, a boa calidade das augas e os servizos que se prestan nos areais. O pasado ano a asociación ecoloxista decidiu incluir por primeira vez no seu informe ás minas de San Finx, en base ós vertidos con metais pesados tóxicos que se veñen producindo de forma continuada e pola ameaza que supoñen as presas de residuos mineiros para a Ría.
Ecoloxistas en Acción, Plademar e Vida e Ría denuncian tamén a falla de saneamento que supón un importante impacto na calidade das augas da zona.
Os actos continuaron tamén pola tarde cunha charla-coloquio na que tomaron parte representantes das distintas asociacións implicadas na que se afondou sobre a pesca sostible e depuración de augas.