Montalvo e Silgar serán vixiadas por drones este verán

SANXENXO> O Concello de Sanxenxo utilizará drones para vixiar as praias de Silgar e Montalvo. Esta tecnoloxía permite achegar con maior rapidez un flotador a alguén que se está afogando ou dar avisos de alarma en calquera lugar da praia. Dous dos pilotos contratados formáronse no plan integrado de emprego da mancomunidade.

O concello con máis bandeiras azuis de España non o é por casualidade. Sanxenxo volve a demostrar a súa aposta polo coidado máximo das praias e este verán porá en marcha un sistema de vixilancia mediante drones. A tecnoloxía estará dispoñible nas praias de Silgar e Montalvo e permitirá chegar con maior rapidez a calquera situación de alarma.

O novo sistema de vixilancia funcionará entre as 11 e as 19 horas. Serán catros as persoas contratadas manexar os drones. Dos catros pilotos, dous formáronse no plan integrado de emprego da mancomunidade do Salnés. O ente comarcal leva anos organizando cursos de vixilancia de drones e de novas tecnoloxías.

O presidente en funcións da mancomunidade asegura que están a traballar para que a comarca siga aumentando os seus coñecementos nas novas tecnoloxías. Tamén anunciou que teñen en marcha unha nova aplicación que presentarán nos próximos días.