PONTEVEDRA> Xa está todo listo para celebrar un dos eventos máis tradicionais da programacións das Festas de Verán de Pontevedra. O Memorial Ricardo Portela, que chega este a súa vixésima edición, homenaxeará, esta fin de semana, ao gaiteiro vigués Constante Moreda Vázquez. Por suposto, tampouco faltará a mostra de artesanía, os pasarrúas e os concertos na Praza da Ferraría.
O Memorial Ricardo Portela celebra esta fin de semana a súa vixésima edición. O evento, que comezou coma unha homenaxe ao gaiteiro de Viascón é xa unha das citas máis consolidadas na programación das Festas de Verán de Pontevedra.
Cada ano, a Asociación de Gaiteiros Galegos homenaxea a un músico da nosa comunidade e este ano decidiron dedicarllo a Constante Moreda Vázquez. Un barbeiro e gaiteiro vigués que foi asasinado, no ano 1936, polo exército falanxista.
Por suposto, máis alá de homenaxes, como cada ano, haberá tamén unha mostra de artesanía de instrumentos tradicionais, pasarrúas, de mans de grupos como Os Carunchos, Cántigas e Frores ou Os Gaiteiros das Rías Baixas, e dous concertos. O venres subirase ao escenario Viqueiras e o sábado Cantares de Brión. Todas as actividades, que se desenvolverán o venres e o sábado, terán lugar na Praza da Ferraría de Pontevedra.