PONTEVEDRA> Xa se poden percorrer os primeiros seis quilómetros da autovía A-57. Trátase do primeiro treito que entra en servizo, entre o lugar da Ermida, na parroquia pontevedresa de Marcón, e o concello de Vilaboa. O delegado do goberno en Galicia encabezou a comitiva que inaugurou esta mañá esa infraestrutura. Tamén estiveron os alcaldes de Pontevedra, Vilaboa, Ponte Caldelas ou Cerdedo-Cotobade.
Tardouse en construír nove anos e supuxo un investimento de 94 millóns de euros. A obra conta cun ramal de case 2 quilómetros que conecta coa AP-9, a N-554 e a N-550. Servirá, precisamente, para reducir a densidade de tráfico nesta última estrada.
Na apertura deste primeiro treito da coñecida como circunvalación de Pontevedra, o delegado do goberno apuntou que a construción da autovía vai continuar cara ao norte, pese ao rexeitamento veciñal que xera o proxecto, por exemplo entre a veciñanza de Marcón e Xeve e os colectivos ecoloxistas.
Asegurou Pedro Blanco que hai varias opcións enriba da mesa e que se están barallando as posibilidades para a creación do segundo treito entre A Ermida e Pilarteiros. Habería logo un terceiro que uniría este último punto con Curro, que incluiría tamén unha conexión coa AP-9.
O alcalde de Pontevedra cre que o proxecto da A57 debería seguir adiante, iso si, co mínomo impacto posible. O rexedor nacionalista defende o que vén defendendo nos últimos 25 anos, que se trata dunha autovía necesaria para conectar os polígonos do Campiño, A Reigosa e o de Barro. Di que tarde ou cedo terán que facerse os treitos que quedan.
Os socialistas pontevedreses tamén celebrar a posta en funcionamento deste primeiro treito. Así e todo, polo de agora apostan por deixar en suspenso eses dous tramos cara ao norte, ante esa oposición veciñal. Propoñen ampliar esta autovía cara ao sur, para que sirva de conexión cara a Vigo, Portugal e a Meseta.











