A tubaxe baixo José Malvar é viable pero sería insuficiente para rematar cos asolagamentos en Padre Fernando Olmedo

PONTEVEDRA> Viable pero insuficiente. É o resumo do estudo técnico que realizou o concello de Pontevedra sobre a posibilidade de instalar unha tubaxe na rúa José Malvar para evitar os asolagamentos en Padre Fernando Olmedo. Os expertos apuntan que a medida contribuiría a reducir o caudal do rego Valdecorvos, pero precisaría doutras actuacións para ser unha solución real ao problema das inundacións. Non substituiría cuestións que xa están sobre a mesa, como a construción das balsas inundables no barrio de Valdecorvos.

Instalar unha tubaxe baixo a rúa José Malvar para axudar a reducir o exceso de auga do rego de Valdecorvos durante episodios de chuvias intensas é posible. Pero a medida por si soa seguirá a ser insuficiente para rematar cos asolagamentos na rúa Padre Fernando Olmedo. É a conclusión do estudios técnico realizado polo concello de Pontevedra.

A cantidade de servizos soterrados neste punto limita o diámetro da tubaxe, que podería ter un máximo de 1.200 milímetros. Non arranxa o problema pero si pode reforzar outras medidas que xa están sobre a mesa.

A construción desta zona inundable no parque de Valdecorvos, con comportas para controlar a auga, é unha das medidas que está a estudar Augas de Galicia. Tamén a creación dunha zona inundable entre o Centro Galego de Tecnificación Deportiva e a rúa José Malvar.

Mosquera asegurou que os técnicos do concello están a traballar en contacto con Augas de Galicia, que está a realizar os seus propios estudos sobre as demais alternativas.