PONTEVEDRA> O 24 de xuño cumpriuse un ano dende que Maica Larriba está ao fronte da Subdelegación do Goberno na provincia de Pontevedra. Con motivo deste aniversario, a subdelegada quixo facer esta mañá un balance para poñer enriba da mesa todos os datos das intervencións realizadas pola institución dende a súa toma de posesión. A cifra máis destacada foi a de denuncias en materia de Seguridade Cidadá. En total, 8.731, un dato que supera a suma dos rexistrados nas outras tres provincias galegas.
Un ano de colaboración e de respecto institucional cos alcaldes da provincia de Pontevedra. Así valorou esta mañá Maica Larriba este primeiro ano ao fronte da Subdelegación do Goberno. Un ano no que a institución buscou a transparencia en todas as súas intervencións.
A subdelegada do Goberno fixo balance de este ano e deu a coñecer todos os datos rexistrados nos diferentes departamentos da institucións. O máis destacado foi o de denuncias en materia de Seguridade Cidadá. Na provincia de Pontevedra houbo un total de 8.731 actas, case 100 máis que as recollidas nas outras tres provincias galegas xuntas.
Outro dos asuntos máis importantes deste último ano foron as inspeccións nos establecementos de venta e comercialización de produtos pirotécnicos. A subdelegada asegurou que os técnicos extremaron a súa presenza neste tipo de locais para evitar un accidente como o acontecido, o pasado ano, en Tui.
Con todas as cifras enriba da mesa, Maica Larriba mostrouse satisfeita con todo o traballo realizado e predisposta a continuar como subdelegada ata que o seu partido o decida.