A ría de Arousa rexeita que os áridos da dragaxe do Lérez se depositen na contorna de Sálvora

PONTEVEDRA> A Consellería do Mar continuou hoxe coa rolda de encontros informativos sobre o proxecto de dragaxe do río Lérez. Esta mañá as convocadas foron as confrarías da ría de Arousa. Os patróns ían con vontade de escoitar pero insistiron en que non ven acaído que os áridos que se retiren dos fondos do Lérez rematen na ría de Arousa. Dende Mar defenden que segundo as mostraxes son áridos de categoría A, polo que non terían ningún impacto ambiental.

A semana pasada foron as confrarías da ría de Pontevedra e hoxe a Consellería do Mar convocou ás de Arousa para informalas sobre o proxecto de dragaxe do río Lérez. E é que esta ría será o destino dos áridos que se retiren, que se depositarán preto da illa de Sálvora.

Ante o sector, a conselleira insistiu en que todas as mostraxes realizadas sinalan que estes áridos do fondo do Lérez non son un perigo para o medio ambiente.

Pola súa banda, as confrarías acudiron á convocatoria para coñecer o proxecto de dragaxe. Pero moitas desconfían e opóñense a que os áridos que se retiren do Lérez rematen na ría de Arousa.

Villaverde tamén lles trasladou que tanto antes da dragaxe como durante as obras haberá unha vixilancia ambiental do proxecto.

Recordemos que a intención da Xunta de Galicia é que a dragaxe, que suporá un investimento de case 12 millóns de euros, sexa unha realidade no 2027.