A Feira Medieval de Noia bateu récord de visitantes

NOIA> A Feira Medieval  chegou este pasado domingo á súa fin logo de tres días de intensa festa. O casco histórico desta vila acolleu durante toda a fin de semana as costumes ancestrais, as lendas medievais e os produtos gastronómicos e artesanais máis típicos da época do medievo, e o fixo cun destacable éxito en visitantes.

Noia volveu a converterse esta pasada fin de semana, durante a Feira Medieval, en polo de atracción para milleiros de persoas. O tempo animou ós visitantes a achegarse á vila e desfrutar das múltiples actividades organizadas durante toda a fin de semana polas distintas rúas do casco  histórico, con espectáculos de animación musical e teatral pola rúa, exhibicións de cetrería na Praza do Tapal ou as loitas de cabaleiros, que congregaron tamén a numeroso público.

Aínda así un dos momentos máis agardados por todos vivíase na noite do sábado cos espectáculos nocturnos, especialmente co da Consagración da Igrexa de San Martiño polo arcebispo Lope de Mendoza, que tivo lugar na praza do Tapal ou o de danza ‘Era 1434’ que tivo lugar na propia praza do Concello. Dende o Concello destacaron a elevada cifra de visitantes á localidade durante toda a fin de semana, destacando o alto nivel dos espectáculos organizados, na liña marcada polo executivo nas últimas edicións de cara a conseguir a tan ansiada declaración da Feira Medieval de Noia como festa de interese turístico galego.