RIBEIRA> A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza fai unha chamada á participación na manifestación convocada por SOS Galicia para este domingo en Santiago para reclamar melloras na atención primaria e hospitalaria, e en contra da privatización e o desmantelamento da sanidade pública. A entidade alugará varios autocares con saídas dende os catro concellos de Barbanza-Arousa, para poder asistir a esta gran mobilización en Compostela.
Defender unha atención primaria digna, unha atención hospitalaria digna e unha sanidade pública de calidade. este é o principal lema da mobilización convocada por SOS Galicia para este domingo en Santiago, á que se suma tamén a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza.
Dende a Plataforma insisten nas listas de agarda para segundas consultas que se dan en numerosas especialidades, como é o caso de traumatoloxía ou saúde mental, esta última preocupante.
Para facilitar a participación daqueles veciños que desexen asistir a esta gran mobilización, a Plataforma disporá dun servizo gratuíto de autobús con paradas en tódolos concellos de Barbanza-Arousa. Iso si, será necesario anotarse previamente a través do correo electrónico da entidade, plataformabarbanza@gmail.com