O Pazo da Cultura abre as súas portas ás exposicións “Alba de Gloria” e “A intimidade da imaxe”

PONTEVEDRA> O Pazo da Cultura inaugurou hoxe dúas exposicións do Consello da Cultura Galega. Dúas mostras, a de “Alba de Gloria” e a de “A intimidade da imaxe”, que repasan o último discurso de Castelao e a memoria da transición. As dúas poderanse visitar ata o 25 de agosto.

“Alba de Gloria” e “A intimidade da imaxe”. Dúas exposicións que revisan a historia recente de Galicia dende diferentes puntos de vista e dúas mostras que gardan conexión con Pontevedra. Por iso, a parada destas dúas propostas na cidade do Lérez era obrigatoria.

“A intimidade da imaxe” é unha exposición da fotógrafa catalá Anna Turbau que mostra todos os conflitos sociais, políticos e humanos que a autora se atopou en Galicia a finais dos anos setenta.

“Alba de Gloria” é unha proposta que recrea o derradeiro gran discurso que pronunciou Castelao en vida. Data do 25 de xullo de 1948 e nel, enumera as grandes figuras da cultura galega, dende Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal ata Diego Xelmírez ou San Dámaso. Unha mostra que, sobre todo, transmite emoción.

Dúas exposicións diferentes pero unidas pola historia galega. A mostra estará dispoñible no Pazo de Cultura ata o 25 de agosto.