O concurso de disfraces e carrozas pechou un animado Martes de Entroido en Boiro

BOIRO> Os máis festeiros disfrutan estas xornadas dos últimos días do entroido. É o caso de Boiro, onde a última hora da tarde de onte se celebrou o tradicional concurso de disfraces e carrozas, aproveitando ademais que era festivo local.

A actividade tiña lugar na praza do Concello, congregando a un bo número de persoas, a maioría cativos, que non desaproveitaron a tampouco a oportunidade de poder disfrazarse.

Dende a Praza de Galicia organizouse un desfile, cun percorrido por diferentes rúas do casco urbano, animado por Troula Animación, Latexo Percusión, Os da Boina, A Dorniña de Abanqueiro e Nunca é Tarde.

Rematado o rueiro, os participantes no desfile regresaron de novo ó punto de partida para seguir disfrutando alí da festa de entroido. Neste caso coa música de DJ Matrek.

Alí desenvolveuse tamén o concurso de disfraces, tanto individuais como de parellas e grupos, e tamén o de carrozas. Este último tivo como gañador á ‘Casa do Crochet’ de Cabo de Cruz que se levou os 1.200 euros do primeiro premio.

O segundo clasificado foi a carroza ‘Moulin Rouge’ de Taragoña que levou un premio en metálico de 800 euros e en terceiro lugar quedou ‘Paraíso de África’ de Noia, que obtivo 500 euros.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí