A Xunta impulsa a redacción dun Plan Director de Saneamento para Noia

NOIA> Será unha radiografía completa da rede actual, para detectar os problemas e optimizar o seu funcionamento. Investiranse uns 200 mil euros neste proxecto.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co goberno local para anunciarlles o inicio da redacción do Plan director de saneamento de Noia. O proxecto, que foi adxudicado hai varias semanas por un importe duns 200 mil euros, permitirá realizar unha diagnose completa do actual sistema de saneamento  municipal para planificar, e a continuación, poder desenvolver as actuacións necesarias para optimizar o seu funcionamento e acadar unha mellora integral da calidade das augas da Ría.

A titular de Infraestruturas fixo alusión tamén ó esforzo inversor  realizado polo Goberno Autonómico nestes anos de cara a mellorar da calidade das augas da ría de Noia, que supuxeron preto dos 43 millóns de euros, para a posta en servizo de depuradoras como as de Muros, Porto do Son e Esteiro, ademais da mellora da rede de coletores de Noia.

Pola súa banda o alcalde noiés agradeceu este importante proxecto, que se suma a outra actuación desenvolvida xa por Augas de Galicia cun custe duns 150 mil euros que permitiu a reparación da cuberta  da actual EDAR e a mellora do funcionamento dos bombeos e dos equipos de depuración.