Valga, sede do terceiro centro superior de música de Galicia

VALGA>  Luz verde ó Centro de Ensinanzas Superiores de Música de Valga. O conservatorio comezará a funcionar no vindeiro mes de setembro nas dependencias do Auditorio Municipal. Terá 120 alumnos e 30 mestres. O centro será o terceiro de toda Galicia autorizado pola Xunta.

A Coruña, Vigo e agora tamén, Valga. A localidade será a terceira de Galicia en acoller un centro autónomo de ensinanzas superiores de música. A súa sede, o Auditorio Municipal. O complexo está xa perfectamente adaptado para este novo uso. Cando se ergueu, xa se deixou un andar reservado para a formación musical.

A “tolería” mudou en realidade e o centro musical botará a andar no vindeiro mes de setembro. O centro terá capacidade para 120 alumnos. Impartirán as súas clases 30 mestres. Ofrece formación en tódalas especialidades, ademais de música popular e moderna. Conta tamén cun departamento de dirección, unha titulación que na actualidade só se pode acadar na Coruña.

O Centro Superior de Música estará dirixido por dous expertos. As novas instalacións pretenden dar continuidade á formación daqueles alumnos que iniciaron a súa carreira musical noutros conservatorios da contorna.

O prazo de inscrición arrancou hoxe, a través da web csmgalicia.com. A matrícula será de balde para os 20 primeiros alumnos que a formalicen.