Noia disfrutará da terceira edición do Trofeo Portus Apostoli

NOIA> Esta mañá presentábase no concello de Noia a terceira edición do Trofeo Portus Apostoli. O encontro enfrontará ó equipo local co Palma Futsal. Será o mércores no municipal Agustín Mourís a partir das oito e media da tarde.

O pavillón municipal Agustín Mourís acollerá este próximo mércores, a partir das oito e media da tarde, a terceira edición do Trofeo Portus Apostoli. O encontro medirá ó equipo local, o Noia Portus Apostoli co Palma Futsal. O equipo balear compite na primeira división da Liga Nacional de Fútbol Sala e rematou a pasada tempada entre os cinco primeiros clasificados.

O alcalde, Santiago Freire, aproveitou a presentación para felicitar o Club pola súa evolución nos últimos anos e para desexarlle moito éxito de cara a nova tempada que está a piques de comezar. Ademais fixo un chamamento a acudir a presenciar este encontro do máis alto nivel deportivo.

O rexedor noiés aproveitou ademais o acto de presentación do torneo para sacar a foto de rigor nas escaleiras do Concello cos integrantes do plantel deste ano, na que tamén tomou parte a edil de Deportes, Laura Salgado, e o presidente do Club, Severino Barreiro.