O ‘Orixe Festival’ pon o broche de ouro ao verán cultural caldense

CALDAS> Caldas prepara a despedida do verán con máis cultura. Do 28 ao 31 de agosto a vila acolle o festival Orixe. A cita cumpre a súa terceira edición, combinando literatura, teatro, poesía e música. Ten ademais unha vertente solidaria: a entrada será a cambio de comida que se doará ao Banco de Alimentos.

A cultura alternativa tamén ten o seu espazo en Caldas. A vila despedirá o verán coa programación do Festival Orixe, unha cita herdeira do Orixe Candente que agora cumpre a súa terceira edición.

A programación arrincará o 28 de agosto, dando paso a catro xornadas que mesturarán teatro, literatura, poesía e música.

A xornada clave será o 31 de agosto. Ese día celebrarase o festival propiamente dito, con actuacións musicais de grupos galegos.

A cita ademais ten tintes solidarios. A entrada será a cambio de comida que se doará ao Banco de Alimentos. A contía recadada medra cada edición e, de feito, o ano pasado roldouse a tonelada de alimentos que se entregaron á ONG.