VILAGARCÍA> Os bateeiros de Vilaxoán xa teñen novos pantaláns. A Consellería do Mar dá por rematadas as obras de construción das dúas novas liñas, que dotarán o peirao de 19 prazas para embarcacións de acuicultura. O investimento roldou os 720 mil euros.
O porto de Vilaxoán xa conta con 19 novas prazas de amarre para as embarcacións de acuicultura. As obras para a construción das dúas liñas de pantaláns xa están rematadas, e contaron cun investimento de preto de 720 mil euros.
Estas novas instalacións facilitan as operacións dentro do peirao e contribúen a mellorar a seguridade dos bateeiros. Ademais, dan reposta á demanda actual e futura do sector.
Segundo a Conselleira, os bateeiros poderán ocupar estas novas prazas a vindeira semana, despois de completar os trámites precisos con Portos de Galicia.
Tras rematar os pantaláns, a intención de Mar é proceder coa dragaxe da canle de acceso ao peirao. O proxecto estase a tramitar, e suporá tanto dragar a superficie entre a rampla de varada e a liña exterior do pantalán como eliminar un afloramento rochoso cun volume de 372 metros cadrados existente na zona.