MORAÑA> O Xulgado do Penal de Pontevedra considera ao expresidente da Deputación de Pontevedra culpable dos delitos de prevaricación e fraude por conceder unha subvención de 86.000 eruso para facer unhas obras no campo de fútbol de Moraña que, na súa maior parte, xa estaban executadas. A xuíza condena a Rafael Louzán a dous anos de cadea e oito de inhabilitación para emprego ou cargo público.
A maxistrada imponlle esa mesma pena a Luisa Piñeiro, daquela alcaldesa de Moraña e na actualidade Delegada da Xunta en Pontevedra. Neste caso, a popular é considerada cooperadora necesaria do delito de prevaricación e autora dun delito de fraude.
Segundo a sentenza, considérase probado que a construtora á que a Deputación adxudicara no ano 2011 a instalación de herba artificial no campo de fútbol de Moraña e outras obras, incrementou o seu custo en máis de 86.000 euros para pagar unha certificación. Ao tratarse dunha obra executada con subvención, a lexislación impedía exceder o importe subvencionado. Considérase que se creou un sistema artificioso para aboar á empresa o importe que reclamaba.
A xuíza entende que para facer fronte a ese pago, no 2013 adxudicouse de forma irregular outra obra á mesma construtora polo mesmo importe. Os traballos centrábanse na mellora do vestiario e das bancadas do campo, malia que parte deles xa foran realizados. A xuíza indica que unha vez denegada a posibilidade de aumenta-lo custo das obras iniciais, buscáronse alternativas para pagar esa certificación.
A sentenza non é firme. Contra ela cabe interpoñer recurso ante a Audiencia Provincial de Pontevedra.