GaliciAME convoca a súa segunda beca para avanzar na investigación da doenza

CAMBADOS> GaliciAME, a Asociación Galega de Atrofia Muscular Espinal, convoca por segundo ano unha beca para fomenta-la investigación desta enfermidade. A bolsa está dotada con 40.000 euros, recadados polo colectivo con sede en Cambados a través de diferentes vías, pero sen apoio do sector público. Esta beca busca seguir avanzando no coñecemento desta doenza e mellora-la calidade de vida daquelas persoas que a padecen.

Por segundo ano consecutivo GaliciAME quere fomenta-la investigación científica da atrofia muscular espinal. O estudo desta doenza é aínda moi escaso. A bolsa pretende coñecela mellor e mellora-la calidade de vida daquelas persoas que a teñen que vivir na súa pel. Nesta segunda convocatoria, o abano ábrese para diferentes campos de estudo.

A bolsa está dotada con 40.000 euros, 10.000 menos cá no ano pasado. Eses cartos foron recadados polo colectivo a través de diferentes iniciativas. Non conta co apoio do sector público. O proxecto ou proxectos gañadores daranse a coñecer na V Gala benéfica a prol da AME, que terá lugar en Cambados a comezos de decembro.

Para o Concello de Cambados, o traballo de GaliciAME e, en concreto, da súa presidenta, é digno de admiración.

A presidenta de GaliciAME anunciou, ademais, que a partir deste mércores pasará a formar parte do Consello do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, en calidade de asesora. Contará con voz e voto á hora de implementar medidas que se traduzan nunha mellora da calidade de vida daquelas persoas que padecen a enfermidade. GaliciAME tamén se vai incorporar en breve ó Consello do SERGAS.