Un home asasina a tiros a tres mulleres en Valga nun novo caso de violencia machista

VALGA> Conmoción e incredulidade no concello de Valga. A parroquia de Cordeiro espertaba este día dun forte golpe: un novo caso de violencia machista que deixa tres mulleres falecidas. Un home mataba a tiros a primeira hora da mañá a súa exparella, a súa excuñada e a súa sogra. Tras darse á fuga do lugar dos feitos, foi detido pola Garda Civil no concello de Ames.

Sandra, Alba e María Elena. Son as tres últimas vítimas que deixa a violencia machista. Eran a exparella, excuñada e exsogra do presunto asasino. José Luis Abet, de 45 anos e natural de Padrón, asasinounas a tiros esta mañá na vivenda que compartira con Sandra no lugar de Carracido, na parroquia valguesa de Cordeiro.

O presunto asasino disparou primeiro contra Sandra, que se atopaba ao lado do coche. Dentro agardaban os dous fillos da parella, de 7 e 4 anos, para ir ao colexio. Xa na finca da vivenda, tirou contra a súa exsogra e a súa excuñada. As tres eran naturais da parroquia de Campaña.

Os pequenos non sufriron danos físicos e foron atendidos por equipos de psicólogos.

Tras cometer o triple crime, o home fuxiu. Foi detido despois nas inmediacións da vivenda da súa nai, no municipio coruñés de Ames. Alí vivía dende a separación, hai preto de dous anos, e estaban divorciados dende xaneiro do ano pasado, segundo fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Nin na subdelegación do goberno nin no concello de Valga había denuncias previas.

Este é o segundo caso de violencia machista que se rexistra no concello de Valga no que levamos de ano. O pasado mes de marzo, era María Jesús Guimarey a asasinada polo seu marido, que despois se quitou a vida.

Dende o 2003, 25 mulleres foron asasinada en Pontevedra. Este ano xa hai 40 vítimas de violencia machista en toda España, dúas delas en Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí