Os veciños de San Salvador presentan máis de 1.000 firmas para reclamar máis prazas de aparcamento

POIO> Máis prazas de aparcamento. Ese é o obxectivo principal dos veciños de San Salvador. E para conseguilo, esta mañá os representantes da Asociación Veciñal fixeron entrega no Concello de Poio de máis de 1.000 firmas. Unha medida para presionar ao goberno local para que tome decisións a favor desta parroquia.

Os veciños de San Salvador continúan en pé de guerra pola falta de aparcamento da súa parroquia. Tras meses de protestas e ante a falta de respostas por parte do goberno municipal, os representantes da plataforma veciñal decidiron actuar.

Ao mesmo tempo que a poboación en San Salvador aumenta, descende o número de prazas de aparcamento. Unha situación que ten grandes consecuencias para os comerciantes.

Pero a falta de aparcamento non é o único problema que ten actualmente esta parroquia. Os veciños de San Salvador rexeitan o Plan de Mobilidade, aprobado polo goberno municipal, no que se inclúe a dirección única de tráfico dende a Kia ata a Rotonda da Barca.

A Asociación Veciñal de San Salvador non está de acordo con este novo Plan de Mobilidade e, ademais, os representantes deste colectivo critican a falta de diálogo e de consenso que está a ter o goberno local.