PONTEVEDRA> Pontevedra comezará o mes de maio como sede do primeiro campionato de tapas de Galicia. Os días 2 e 3 celebrarase na cidade a primeira edición desta cita, na que participarán medio cento de cociñeiros de todo o territorio galego.
Xa hai data para o primeiro Campionato de Tapas de Galicia. Será en Pontevedra os días 2 e 3 de maio.
Poderán participar ata medio cento de cociñeiros das catro provincias galegas. Terán que demostrar o seu bo facer con showcookings en directo para elaborar a súa proposta de pincho, cuxa preparación non poderá superar o euro 60 céntimos de custo.
Os participantes cociñarán en tres boxes de cociña instalados sobre un escenario. Será na tarde do día 3 cando coñezamos aos gañadores do concurso en cada unha das trece categorías de premios.
Nos días previos ao concurso, entre o 22 de abril e o 1 de maio, os cociñeiros dos restaurantes participantes ofrecerán nos seus establecementos o pincho que presentarán ao certame.
O prazo para inscribirse está aberto ata o vindeiro 11 de abril.