Pontevedra organizará visitas a Santa Clara as fins de semana de abril e en Semana Santa

PONTEVEDRA> Pontevedra incrementa o número de visitas ao convento de Santa Clara. Lonxe de diminuír, o interese por coñecer o conxunto leva ao concello a programar novas visitas durante o mes de abril. Así, abriranse quendas todas as fins de semana e todos os días da Semana Santa. Segundo o alcalde, xa son 10.000 as persoas que visitaron Santa Clara dende que foi adquirida polo concello.

Dende que o concello de Pontevedra pechou a compra de Santa Clara, 10.000 persoas xa puideron visitar o antigo convento. Un interese que, a día de hoxe, está lonxe de diminuír.

Por iso o concello decidiu seguir ampliando as visitas ás fins de semana do mes de abril. Ademais, reservaranse os días 7 e 8 para as persoas con dificultades para facer a inscrición por internet. O 31 de marzo poderán anotarse de xeito presencial.

Como se vén facendo noutras convocatorias, celebraranse catro sesións diarias con 20 persoas cada unha. Tamén programaranse visitas todos os días da Semana Santa.

Fernández Lores adiantou que se programarán dúas xornadas de portas abertas para coñecer os xardíns no mes de maio. As datas concretas están sen pechar, pendentes do inicio das obras do estudo que a Deputación de Pontevedra fará na propiedade para valorar a adhesión de Santa Clara ao Museo de Pontevedra. Ademais, o concello está a deseñar unha programación cultural para este espazo.

En canto á compra da Casa das Misións Pontificias, o alcalde expicou que aínda están á espera dunha resposta do Arcebispado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí