POIO> Poio prepárase para un verán cheo de citas festivas. O Festival Sons de Ánkar a vindeira semana dará comezo á programación, que ademais este ano recupera dous eventos importantes para o concello: a Festa da Ameixa, en setembro, e a Festa do Mar, a finais de agosto. Dende o goberno local xa adiantaron que este ano non haberá carpas para degustación gastronómica, pero ámbalas dúas manterán o obxectivo de exaltar o produto do mar de Poio.
Os días 9 e 10 de xullo o concello de Poio dá a benvida ás Festas de Verán. Será co festival Os Sons de Ánkar, coas actuacións de Baiuca e Guadi Galego.
A música será sen dúbida a protagonista da programación. O 1 de agosto actuará en Lourido Pelepau, mentres que os días 13 e 14 Samieira acollerá os concentros do Grupo América e Xoel López.
Este verán volven, ademais, dúas das citas máis importantes do calendario festeiro de Poio. A Festa do Mar desenvolverase entre Raxó e Combarro os días 26 e 28 de agosto e do 20 ao 22 respectivamente. A festa da Ameixa será os días 17 e 18 de setembro. Iso si, a situación sanitaria obriga ao concello a suprimir as carpas de degustación gastronómica.
A música volverá ser a protagonista. No marco da Festa do Mar, os días 20 e 21 de agosto volverá o Armadiña Rock, o 22 actuará a orquestra Marbella en Combarro e Efecto Pasillo e La Ocaband farano os días 26 e 27 de agosto en Raxó. Pola súa banda, a Festa da Ameixa englobará as actuacións de M-Clan e Dr.Queen.
Poio non esquece tampouco á rapazada. A finais de xullo en Lourido celebrarase o Festival Chalaniñas.
Todas as actividades do programa serán de carácter gratuíto.