A Deputación de Pontevedra únese á Semana Global de Acción polo Clima

PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra presentou esta mañá a axenda diaria de actividades enmarcadas dentro da Semana Global de Acción polo Clima. A protección dos ecosistemas, os transportes alternativos, o aforro enerxético ou o quilómetro cero. Eses son algúns dos eixes que formarán parte dos eventos que se celebrarán dende mañá ata o vindeiro venres na nosa provincia.

“A provincia que queres é sostible”. Ese é o lema creado pola Deputación de Pontevedra con motivo da Semana Global de Acción polo Clima. Co obxectivo de concienciar á cidadanía e de frear a crise climática, a institución provincial levará a cabo unha axenda diaria dende mañá ata o día 27. Esta axenda comezará o sábado co Día Mundial da Limpeza. Xornada na que a Deputación lanzará a campaña “Coidemos o noso” nas redes sociais. O domingo continuará a programación co Día Mundial Sen Coches e a iniciativa “As persoas protagonistas”.

A axenda da Deputación continuará o luns coa adhesión da Deputación aos compromisos do cumio sobre Acción Climática na ONU e o martes coa acción “Economía Baixa e Aforro Enerxético”.

O mércores, baixo o lema “Quilómetro Cero”, a Deputación instalará stands informativos, na Avenida de Montero Ríos, sobre a campaña de Experiencias Sostibles.

A programación da Semana Global de Acción polo Clima rematará co Día Mundial do Turismo, que se celebrará o xoves e coa gran folga xeral mundial do venres.

Todas estas actividades buscarán concienciar á cidadanía sobre a importancia de cambiar pequenos hábitos do noso día a día. Accións que poden axudar a frear a crise climática.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí