O sulfatado dunha leira foi o principal motivo do esnaquizamento das 300 cepas en Castrelo

CAMBADOS> Unha disputa polo sulfatado duns terreos lindeiros foi o motivo do esnaquizamento de máis de 300 cepas en diferentes viñedos de Cambados. Os danos esténdense por máis de 2700 metros de parra afectando a 3252 quilos de uva. O prexuízo económico pode superar os 30 mil euros.

A policía de Cambados detivo esta semana a un veciño de Castrelo como presunto autor do esnaquizamento de máis de  300 cepas en diferentes viñedos da parroquia. O motivo xurdiu hai 7 anos. Segundo conta o afectado, ambos tiñan leiras lindeiras e mantiñan boa relación ata que un día sulfatou a súa leira e, por algún motivo que descoñece, o presunto delincuente viuse afectado. Dende entón comezou un enfrontamento que agora continuará nos tribunais.

O pasado 4 de setembro o damnificado atopou unha das súas fincas coa meirande parte das súas cepas cortadas. Como esta non era a primeira vez que sufría estragos nos seus viñedos, o veciño puxera cámaras de seguridade nas súas leiras. Nas imaxes vese claramente a cara do infractor que estivo máis de 4 horas cortando as cepas dos diferentes viñedos. Os estragos dispérsanse por 5 leiras afectando a máis de 2700 metros de viña e 3252 quilos de uva. O afectado calcula que as perdas deste ano serán de máis de 6 mil euros, pero que superarán os 30 mil xa que a parra non volverá estar en perfectas condicións ata dentro de 5 anos.

Esta é a 7 denuncia que o afectado presenta contra o infractor. Na anterior, fai dous anos, o presunto infractor cortou os arames que suxeitan as parras. Este foi o motivo polo cal o veciño de Castrelo decidiu poñer as cámaras de seguridade. O damnificado agarda que esta proba poda relacionarse cos 6 casos anteriores.