Remata sen acordo o acto de conciliación polos 14 despedimentos de Atunlo no Grove

PONTEVEDRA> A CIG continuará coas súas mobilización para que Atunlo readmita na súa planta do Grove aos 14 traballadores despedidos. Esta mañá non houbo acordo no acto de conciliación celebrado entre as partes, polo que os despedimentos resolveranse nun xuízo. Aproveitando o acto desta mañá en Pontevedra, un grupo de compañeiros concentrouse en apoio aos afectados.

Esta mañá o Servizo de Mediación Arbitraxe e Conciliación da Xunta en Pontevedra acolleu o acto de conciliación entre as partes polos despedimentos da fábrica de Atunlo no Grove. O encontro rematou sen acordo. A CIG, sindicato maioritario no comité da empresa, marca como liña vermella a readmisión dos 14 traballadores afectados.

Coincidindo coa celebración do acto desta mañá, un grupo de compañeiros concentrouse como mostra de apoio aos 14 traballadores despedidos. Ante a falta de acordo, o proceso xudicial continúa o seu camiño. Queda pendente a celebración de xuízo. Dende a central nacionalista lamentan a actitude e as formas da empresa.

Dende a CIG xa avanzan que continuarán coas súas mobilizacións, insistindo en que a única solución é a readmisión.

O vindeiro luns 30 de maio, terá lugar a seguinte concentración. Será diante da Casa do Concello do Grove. Ao mesmo tempo solicitaron unha reunión con todos os grupos políticos municipais por ser Atunlo unha das empresas maís importantes do sector conserveiro do municipio.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí