CAMBADOS> A bo prezo e dunha calidade inmellorable. Así se presenta a sardiña nas prazas de abastos nas vésperas do San Xoán. Hoxe o quilo andaba polos cinco euros, moi por baixo dos prezos acadados en anos anteriores. E non será por falta de demanda, porque esta mañá en Cambados, por exemplo, quen máis e quen menos achegábase ata a praza na procura do prato estrela para a noite máis curta do ano.
Despois de dous anos de pandemia, Galicia prepárase para vivir un San Xoán como os de antes. Volven as fogueiras, as herbas e, por suposto, as sardiñas. As prazas de abastos de toda a volta locen xa o produto estrela desta festa en tódolos postos de peixe. É o caso, por exemplo, aquí en Cambados, onde moitos clientes xa andaban hoxe á procura das mellores sardiñas.
E, a pesar de que estamos na conta atrás para o San Xoán, os prezos non están a subir. Hoxe o quilo andaba polos cinco euros, moi inferior ao habitual a estas alturas. Bo prezo que, ademais, vén acompañado este ano dunha calidade insuperable.
Así que, quen máis e quen menos, aproveita para levar, aínda que só sexa unha presiña. Agardan que mañá sexa un día de moita venda, pensando naqueles que prefiren mercala canto máis fresca mellor.
Con todo, non todo o mundo cae na tentación. Porque San Xoán si, pero pódese celebrar con outros manxares.
Con sardiñas ou churrasco o certo é que a noite máis curta do ano agárdase intensa en tódolos concellos da nosa contorna. Para que se fagan unha idea, só no municipio de Cambados concedéronse 140 permisos para fogueiras en espazo público, sen contar as que se van facer en espazos privados. Unha cifra que se incrementa este ano con respecto ás últimas edicións.