O cruceiro da igrexa de Mourente estará restaurado a vindeira semana

PONTEVEDRA> A parroquia de Mourente está a piques de estrear o cruceiro da súa igrexa. Os veciños levaban anos pedindo a súa recuperación tras ser derribado nun accidente de tráfico. Tras moitas peticións e tal é como anunciou esta mañá o concelleiro de Patrimonio, esta podería producirse a vindeira semana.

Así estaba o cruceiro da igrexa de Mourente hai uns meses. E así se atopa actualmente. A petición da veciñanza desta parroquia, a súa base desprazouse 50 centímetros e recuperáronse os tres chanzos sobre os que orixinalmente se sostiñan o fuste e a cruz.

Ata este lugar desprazouse esta mañá a restauradora. Marta Díaz informou de todos os traballos que se levan feitos ata o de agora e confirmou que o cruceiro contará cun novo Cristo.

O goberno municipal anunciou que a restauración estará finalizada a vindeira semana. Unha noticia moi ben recibida entre os veciños de Mourente.

Os veciños acordaron tamén colocar no interior deste basamento unha “cápsula do tempo” cun documento no que se recolla o fito tanto da recuperación da fisonomía orixinal como do desprazamento.