Alarmante caso de maltrato animal en Pontevedra

PONTEVEDRA> Alarmante caso de maltrato e abandono animal en Pontevedra. Onte os voluntarios da Asociación Os Palleiros de Pontevedra recollían por indicación do Seprona un can que se atopaba en total estado de desnutrición e a piques de morrer…e que agora loita pola súa vida nas instalacións do refuxio.

 

O equipo do refuxio Os Palleiros deu atención veterinaria inmediata ao can que se atopaba nun deplorable estado, deshidratado, desnutrido e enfermo ao borde da mesma morte.

A partir deste momento toca monitorizar todas as súas constantes co fin de detectar a tempo calquera anomalía, baixada de temperatura ou posible infección e tratar de que o animal comece a comer de maneira que o seu aparato dixestivo tolere a comida para pouco a pouco ir recuperándose e que o seu caso remate cun final feliz, ao contrario que un caso similar que tivo esta protectora fai uns anos, onde unha cadela que viña nun estado de menor gravidade non puido sobrevivir.

Dende Os Palleiros piden concienciación despois de incidir na cantidade de casos de abandono e maltrato que reciben.

Os vindeiros días serán cruciais para “Life”, vida en inglés, que así é como bautizaron a este can que terá que loitar coas mesmas ganas coas que o fixo ata o de agora por saír adiante.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/04abril/06/caso_maltrato_palleiros_ok.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/04abril/06/caso_maltrato_palleiros.mp4{/flowplayer}