As xornadas micolóxicas da Pobra incorporan unha saída ó campo

POBRA> Cada ano que pasa, as xornadas micolóxicas da Pobra van gañado peso en canto a actividades e contidos. Esta terceira edición arranca o mércores cunha charla introdutoria para aqueles participantes que inician a súa andadura no mundo micolóxico. O venres, será o especialista Jaime Blanco Dios o encargado de impartir unha conferencia sobre as cantareláceas. Serán ás oito e media no auditorio Valle-Inclán.

O programa deste ano inclúe dous obradoiros nos que os participantes aprenderán a cultivar algunhas especies de cogomelos así como as propiedades culinarias e as características de conservación.

As xornadas rematarán o domingo cunha saída ó campo para aprender a diferencias as especies aptas para o consumo das que non o son. Durante esta xornada, procederase á entrega de premios do concurso fotográfico convocado con motivo destes encontros. Será na casa mariñeira que tamén acollerá unha exposición de cogomelos.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí