O alcalde da Pobra solicitará ante Portos unha solución para o Club de Remo

A POBRA> O alcalde da Pobra reunirase esta semana coa presidenta de Portos de Galicia para tratar de buscar unha solución ó conflito xurdido trala cesión dunha nave ó club de remo da localidade. O concello traballa na solicitude da concesión tanto destas instalacións como do edificio de usos náuticos.

A orixe da polémica remóntase xa a setembro de 2020 cando o concello da Pobra lle trasladou á presidenta de Portos de Galicia a necesidade de espazo do Club de Remo Puebla. Acordouse entón a cesión dunha nave que estaba libre na zona portuaria, da que un representante de Portos entregou directamente as chaves á directiva do club de remo sen solicitude formal de ocupación ou autorización previa.

A pesar da reclamación feita polo concello para non aplicar a taxa posto que se trataba dunha entidade sen ánimo de lucro, os recibos seguiron chegando ata acumular unha débeda de máis de 13 mil euros, o que obrigou ó goberno a aprobar unha subvención nominativa por emerxencia para que a entidade deportiva puidera afrontar o pago. Na actualidade, e en vista da falla de entendemento, o concello traballa na solicitude da concesión non só desta nave senón tamén do actual edificio de usos náuticos, pendente de ampliación, proxecto que tamén se está a tropezar con trabas burocráticas por parte de Portos.

A este respecto o alcalde explicou que cando se fixo o recheo portuario na década dos 90, Portos ocupou superficie que era de titularidade municipal. Nesta franxa emprázase o edificio de usos náuticos e tamén a estación de autobuses, dos que o concello solicita a reversión.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí